Monday 06 de May de 2024

Máis de 550 participantes optarán mañá aos máis de 4.000 € en premios que reparte o Entroido de Ordes


Carrozas, comparsas e disfraces veñen de toda a comarca e de lugares como Arteixo, Noia, Teo ou Laracha entre outros. A organización informará mañá a través da web do Concello e das redes sociais de posibles cambios debido ás condicións meteorolóxicas previstas

O Concello de Ordes ten confirmada a participación de máis de 550 persoas no concurso de disfraces que terá lugar mañá na vila. Concretamente serán preto de 20 participantes nas categorías infantís, 30 nas de adultos e arredor de 10 carrozas. Fantasías, máscaras e creacións chegadas de todos os puntos da comarca e doutros lugares da provincia como Carral, Teo, Santiago, Arteixo, Oleiros, Laracha, Lavacolla ou Noia.
Está previsto que a partir das 17 horas arranque a celebración deste Sábado de Piñata. As principais rúas servirán de escenario para o gran desfile de carrozas, comparsas e disfraces ata desembocar no Campo da Feira. Aínda así a organización non descarta cambios dentro do itinerario debido ás condicións meteorolóxicas previstas para mañá. En calquera caso o Concello informará de ditas variacións dende primeira hora de mañá sábado a través da súa web e redes sociais.
Este ano se repartirán máis de 4.000 € en premios. No caso das carrozas serán dous cheques de 600 e 400 €. No caso das comparsas de adultos serán de 400, 300 e 200 €; mentres que nas infantís serán de 225, 175 e 135 €. Os disfraces individuais adultos optarán a premios de 170, 120 e 90 €; que no caso dos máis novos serán de 100, 80 e 60 €. A todo isto hai que engadirlle un premio simpatía de 150 €, outro de 200 € para a mellor comparsa municipal, así como diversos premios accésits por un importe total de 1.000 €.
O Entroido de Ordes é unha das celebracións máis destacadas do calendario municipal na que cada ano se congregan milleiros de persoas. Como dato pódense citar os máis de 3.000 asistentes, entre público e participantes, contabilizados na pasada edición. Un ano máis o Concello agradece o patrocinio de Seguros Reale e Jaime Castro asesores.